30.12.07

15.12.07

EXPO SALNÉS MONCHO VALCARCE

Non é que haxa moito movemento estes días pola zona, ahí vos vai unha mostra en Cambados adicada a Moncho Valcarce, un crego sindicalista agrario coñecido como o "cura de Encrobas". A través de 25 paneis explícase a vida deste personaxe moi implicada na loita labrega na parroquia de Cerceda a finais do franquismo e comezos da transición.
Iso ou unha mostra de modelismo... en Vilagarcía.
Cando teñamos máis informacion, informaremos.

14.12.07

Entrevista a Andrea Costas (D_#15)






Andrea Costas (1978) ten unha liña de traballo de gran intensidade emocional, cunhas imaxes impactantes que dan unha volta de rosca ás neuronas do espectador. O que somos, o que ven os demáis que somos e o que nós mesmos cremos que somos, todo iso reflectido en sobrias e limpas composicións sen artificio, unha arte dura, sen miramentos. Formouse na facultade de Belas Artes de Pontevedra e tras todos estes anos de gran actividade e gañando numerosísimos certames, podemos dicir que xa ten o seu sitio no eido da creación artística galega e contemporánea.

Texto Cristina

A velocidade coma un dos compoñentes principáis da sociedade é algo do que falas no texto relacionado coa túa obra, Persoal e Transferible referíndote á producción. ¿Cómo coidas que hai que reaccionar ante esta situación, xa que semella que non vai ralentizarse?
Nese texto referíame aos cambios vertixinosos que a nosa sociedade está a sufrir dende hai 20 anos. A incrible oferta que nos ofrece o mercado fai que nos mergullemos no consumismo sen case darnos conta. E non só refírome ao mercado. É unha nova forma de vida que engloba todo, dende a cultura ata a información.Supoño que a única maneira de non "picar ata o fondo" sería ser consciente do que está a pasar, tentar sairse de todo isto para mira-lo dende fora e dende outros ángulos, compara-lo co que sucede noutras partes do globo, e sobre todo, tentar escoitarse a un mesmo, que coido é o mais difícil de todo o asunto.


A túa producción, como muller, está en gran parte relacionada co feito de se-lo. ¿Como describes a túa posición dentro do mundo artístico e, en concreto, como muller?
Penso que somos o que nos imaxinamos que somos. Cando a nosa idea de muller e de home sexa equiparable no que somos iguais e sexa respetuosa no que somos diferentes, supoño que esta pregunta non terá, por fin, sentido. Ata entón... eu tento vivir como quero vivir e facer a arte que me xurde facer, sen pensar demasiado en quen o pode chegar a contemplar.
O "Mundo da Arte" resulta un universo paralelo, moi complexo, no que eu non me considero unha experta, pero pareceme que ata certo punto funciona como calquer empresa, na que os contactos e as amizades contan moito para promocionarse e, normalmente, ós postos máis importantes soen estar ocupados por homes...

A creatividade xurdida de coletivos artísticos é unha práctica en relativo desuso, xa non se coñecen grandes grupos artísticos como El Paso ou calquera dos ismos de principios de século XX, tendendo máis a creatividade individual. A cambio existen pequenos colectivos, de 2, 3 ou 4 persoas, como nos que tamén traballas. ¿qué vantaxes ten traballar en grupo?
Traballar en grupo é moi enriquecedor e tamén moi duro. Os grupos de persoas sempre son conflictivos, incluso as parellas que só son dúas. Pero si ata aturarse a un mesmo é difícil...! :-D Neste momento traballo con dous grupos de "performance": 3Marías (Elena Gómez, Eva Martínez e Patricia Valverde), no que todas somos mozas de Belas Artes e Aqui?Agora? (Olga Cameselle, Alfredo Rodríguez e Gustavo Hevia), no que hai unha bailarina, un actor e un video-artísta. Eu penso que paga a pena mentres o disfrute e me faga medrar. En Galicia, polo xeral, dásenos bastante mal, pero probablemente todo se andará.

Relacionado con este punto, qué vantaxes ou desvantaxes coidas que teñen as exposicións individuais vs as colectivas?
Vantaxes: máis prestixio, máis espazo, máis cv...Desvantaxes: estás menos arropado e son moooooooito mais custosas en tódolos sentidos.

Na túa obra, Persoal e transferible, falas da ruptura do sinónimo artista-autor. Cédeslles a cámara a persoas, a priori, non relacionadas co mundo da creación artística e as súas imaxes pasan a ser o material principal da obra ¿pasan neste momento de ser espectadores a ser eles os artistas?
Eu non penso que eles pasen a ser artistas por colaborar comigo neste proxecto. Sería como dicir que alguén que cociña é cociñeiro ou alguén que corre é corredor... Esas nove persoas (entre as que estaba eu) foron mais ben a materia prima da obra, a pintura do cadro. Foron tan xenerosas como para entregarme centos de fotos que eu lles pedín que fixeran da súa vida cotiá, facendo unha documentación íntima e exhaustiva duns meses da súa existencia e experimentando unha mirada fotográfica diferente.Tamén me permitiron grabar conversas con eles. Con todo ese material eu facía unha escolla, a miña escolla, e posteriormente unha montaxe, unha "instalación" se queres.Para min foi algo así como unha película na que todos éramos actores protagonistas e guionistas, pero sólo eu montadora e directora.Outra experiencia dura pero tamén inesquecible.

Falas do disfrute do momento creativo sen pensar no fin e no obxectivo. ¿Como facer ver esto ao espectador que so ve o producto final, exposto e listo para consumir?
Las 3 marías. Gimnasia PasivaEstá nas mans do espectador querer ver en profundidade ou superficialmente. Está nas mans do creador deixar patente e transparente o proceso e as intencións, ou ben presentar o seu traballo como algo inevitable. Eu trato de ser clara, as veces pode que ata explícita, pero tamén tentando que quede algo de misterio, para que cada un lle atope a súa explicación.

Formulando a pregunta doutro xeito para que ninguén se sinta ofendido... no mundo comercial, que unha distribuidora cobre ao fabricante un 50% ou un 70% do que lle custou crear un producto é algo totalmente inviable ¿por qué as galerías de arte si poden permitirse face-lo? ¿son os concursos e certames a única forma de sair realmente victorioso do traballo de artista?
As galerías son compoñentes fundamentais no circuito artístico. As institucións públicas e privadas son as que manteñen rodando este tinglado. Eu levo un tempo "colaborando" cunha galería de Santiago e en moitas institucións teñen fotos miñas, por mor de becas e premios, que veñen sendo como compras por concurso. Sinceiramente penso que eses certames son os que nos motivan a seguir con este "vicio", mentres tentamos atopar o equilibrio entre a nosa vida laboral e familiar e a nosa vocación. A ver qué pasa cando cheguemos ó límite de idade...Mentres tanto agardo non ter un "ano de artista" (entendido como o ano no que un artista determinado gaña case todo-los premios habidos), de xoven que alcanza o superéxito inmediatamente, para logo desaparecer cal klinex de usar e tirar.Quixera ter moitos anos de artista de verdade. Haberá que insistir...
Supoño que haberá varios tipos de galerias, pero tendo en conta o panorama que coñecemos, qué proposta de espazo expositivo e comercial ao tempo, inventarías tí.Eu coñezo espazos expositivos nos que ti podes facer a túa exposición de balde, correndo con tódolos gastos do que te propoñas montar. Coñezo galerías que levan os gastos co artista ó 50%. E tamén coñezo galerías que che cobran por facer unha exposición ou que se quedan co 70% dos beneficios das ventas. A cuestión e: ¿quén merca pezas de arte e qué posibilidades ten un artista de achegarse a esas persoas para ofrecerlle algo? Depende de cada quen, pero semella que sempre fará falla un intermediario entre eses dous mundos que, ás veces, resultan antagónicos.Os artistas, entre nós, tamen facemos intercambio de obra que é outra maneira de facer unha colección.

Na túa serie formas de ser, mesturas a imaxe do teu corpo coa de familiares, amigos... poñerte na pel dos demáis ¿con qué idea?
En realidade a idea era poñer a pel dos demais en min, co fin de amosar a parte de eles que levo dentro: " Neles teño a nena que fun, a muller e a anciá que hei ser, e o home que moitas veces quixera ser. Tamén o que non desexo e soamente comparto, como a enfermidade e a dor."

Nunha das túas obras máis recentes Presente Contínuo (imaxe desta páxina), falas de...
Esta serie consiste en fotografías que van a pares, formando dípticos. Na que tí mencionas vese una moza rapeira no lado esquerdo e unha anciá tradicional galega no dereito. A moza leva un rosario colgado ó pescozo mentres a vella suxeita un colgante de Playboy como se estivese a rezar. Os fondos son formalmente similares. Nunha un edificio e noutra unha parede de nichos. A miña intención era poñer en relación dúas realidades totalmente diferentes que acontecen simultáneamente. Ata poderían ser neta e avoa. Unha tradición que se extingue como modo de vida para pasar a formar parte do folklore e o turismo, convivindo coas novas tendencias culturais importadas que florecen rápidamente. O abraiante e que, en Galicia, só teño que xirar a cabeza para ver estas dúas realidades ó tempo. O feito de que se intercambien o colgante e o rosario sirve para remarcar esa mestura abraiante e para recrear esa extrañeza que a min me produce. Podemos apreciar mellor toda a carga dese coelliño recuberto de "diamantes" (que ser sexy é o principal, que o luxo está moi ben, que a portadora é unha moza sumisa...), cando o poñemos nas mans dunha vella allea a esa cultura de culto o corpo e a riqueza. E o mesmo pasa cun obxeto relixioso símbolo de contención, sacrifio e moralidade cando llo colocamos á moza coma un simple abalorio decorativo.



Falas do medo á vellez que hai na sociedade. Como di a canción, “a gravidade sempre gaña” e a pesares de saber isto, dende que a Newton lle caiu a mazá na cabeza, a publicidade fálanos continuamente de productos “anti-idade” incitando a pensar que a vellez é algo evitable ¿crees que debería haber unha normativa para evitar certos reclamos fora de lugar?
Ogallá non hubera que facer normativas para nada, que a xente fixera sempre o mellor para os demais... Pero hai que vender, e está claro que unha estratexia que funciona é ter consumidores insatisfeitos para venderlle cousas que crean que os van satisfacer, pero que non o fan. A nosa sociedade promove máis, en xeral, a cultura da obediencia que a da plena conciencia para poder saber qué é o que realmente queremos e necesitamos.O que non aturo é o concepto de publicidade en sí mesmo. Resúltame contaminante e nocivo.