1.6.07

NOVOS HORIZONTES. Artistas contemporáneos de Francia

miniatura de imaxes da mostra de NOVOS HORIZONTES. Artistas contemporáneos de Francia NOVOS HORIZONTES reúne a un grupo de creadores que nos últimos anos comezaron a despuntar na escena artística internacional. A exposición articúlase ao redor de diferentes temas que se entrecruzan e que deixan intuír un fío condutor, unha común preocupación dos artistas cara ao seu contexto social e político. Nados todos eles en Francia, forman parte dunha xeración que aborda temas moi latentes no panorama social, político e cultural da Francia actual.

A selección da comisaria agrupa, de modo intencionado, a unha grande maioría de artistas que son pouco coñecidos fóra das fronteiras do seu país, xunto a outros con máis presenza e traxectoria no contexto internacional, co fin de ofrecer ao público un panorama o máis completo posible da escena artística actual en Francia.
Dentro desta diversidade, a análisie de contidos permite unha clasificación en varios eixos temáticos: as obras que teñen á relixión como tema central —os retratos dunha comunidade de Clarisse Hahn e o problema da identidade nos vídeos de Valérie Mréjen— combínanse coa análise do contexto sociopolítico —as críticas e crónicas modernas do mundo capitalista en Bruno Serralongue e Vincent Labaume; as tramas terroristas e a paranoia colectiva en Alain Declerq— e coas particulares interpretacións da sexualidade e a violencia na instalación de Philippe Meste ou na ambigüidade transgresora de Brice Dellsperger.

A relación co mundo da infancia, do cine e do cómic de Corinne Marchetti, Katia Bourdarel, Amandine Sacquin, ou Virginie Barré, contrasta coa aguda e irónica visión da sociedade actual nas obras de Bruno Peinado, Patrick Jeannes, e nas fotografías de Fabien Rigobert. A reflexión sobre a imaxe en movemento e a súa interacción co público, sexa a través da televisión, o vídeo ou as novas tecnoloxías, está ben representada na instalación visual e sonora de Julien Discrit no panóptico central, o eclipse virtual de Laurent Grasso, o vídeo interactivo de Martín Le Chevallier, ou a videoinstalación de Élodie Huet, que esixe a participación de dous visitantes para ser entendida por completo. Todas estas obras fálannos da relación espazo-tempo, e a súa capacidade de comunicación co espectador.


5 comentarios:

  1. ten boa pinta...so se me escapa un detaie, ¿onde se atopa esa exposición?

    ResponderEliminar
  2. no marco de vigo... a idade...!!!

    ResponderEliminar
  3. grazas pola informacion

    ResponderEliminar
  4. a colaboracion pra cando queirades
    despois deste xoves teño todo o tempo do mundo pra facer cousas (ou iso espero) e o que queirades :)

    ResponderEliminar

di hola